“La dificultad de dibujar de manera precisa objetos tan diminutos como son muchas especies de algas me ha inducido a valerme del hermoso proceso del cianotipo, creado por Sir John Herschel, para obtener impresiones de las plantas”.
Anna Atkins
A cianotipia é unha técnica primitiva de fotografía moi versátil que permite duplicar calquera obxecto cotián producindo, por contacto co orixinal, fotogramas monocromos estables e con detalle (chamados cianotipos) nunha cor coñecida como azul de Prusia.
A fórmula orixinal deste proceso de revelado (1842), que emprega citrato de amonio e ferro e ferricianuro de potasio como solución fotosensible, sobreviviu sen cambios importantes durante máis de 160 anos, grazas á súa sinxeleza de elaboración e baixa toxicidade.
Anna Atkins, membro da Sociedade Botánica de Londres, utilizou no s. XIX este procedemento para documentar todo tipo de fentos e plantas, fusionando así ciencia e arte cun obxectivo totalmente didáctico. É por iso que, para moitos, é considerada a primeira fotógrafa da historia, xa que en 1843 publicou Photographs of British Algae: Cyanotype Impressions, o primeiro libro ilustrado exclusivamente con fotografías.
A día de hoxe, a cianotipia permite combinar a tecnoloxía dixital coa analóxica para xerar os cianotipos e, aínda que o papel adoita ser o soporte máis empregado, pódense utilizar moitos outros, como cerámica, tea, vidro, pel ou madeira.