MaRiola, a muller raiola.
MaRiola, a muller raiola.
A fotografía conforma o ronsel que vou deixando tras o rumbo do meu temón, o caderno de bitácora no que fago os apuntamentos desta vida de salitre salpicada de ditas e desditas encadeadas que veñen seguindo a miña embarcación.
Foi así como me botei ao mar, coa Cianotipia coma bandeira, para explorar os confíns desta cor Azul de Prusia que resoa coma cantos de sereas desde o lonxe.
Largo as miñas redes sempre coa baixamar, para atrapar nelas os lugares abandonados e decadentes que falan de nós, noutro tempo, noutros espazos dos que só quedan os restos dun océano que xa foi. Pero tamén saio de porto se ti mo pides, para rescatarche das profundidades todo aquilo que precises salvar.
Actualmente investigo novas artes de pesca mixtas, baseadas na cianotipia para a súa aplicación en soportes experimentais, para traelas a terra ao final desta nova travesía.